Thursday 25 de April de 2024

Éxito das xeorutas organizadas polo Concello de Moeche


Un total de 17 persoas participaron este domingo na terceira xeoruta polo interior da mina Piquito organizada polo Concello de Moeche. Os dous grupos que se adentraron na antiga explotación de cobre percorreron as súas galerías na compaña do xeólogo Fran Canosa, quen foi explicando a cada paso as distintas formacións minerais observables a simple vista nesta explotación clausurada a finais dos anos 60 da que se extraían piritas e calcopiritas (mineral do que sae o cobre).

A escuridade da mina tórnase coa luz artificial nun espectáculo de cores e texturas onde aparecen fermosas e delicadas estalactitas azuis formadas pola precipitación do cobre en contacto con outros elementos -o xofre que tamén tingue de amarelo algunhas paredes-, diminutos cristais de xeso que brillan na rocha, marróns e ocres de grande viveza debidos á oxidación do ferro… todo resultado do paso do tempo e do efecto da omnipresente auga desde que se pechou a mina.

Porén, as galerías de mina Piquito tamén atesouran coñecementos sobre a historia da Terra. De feito, nun dos seus laterais pode verse a confluencia das dúas partes dunha falla e mesmo sustratos de rocha que certifican un pasado submariño de Moeche, hai arredor de 400 millóns de anos. A este respecto, Fran Canosa explica que a presenza de materiais ricos en cobre se debe, precisamente, a depósitos producidos por fumarolas volcánicas -chemineas que desprenden gases e auga moi quente- saídas do leito oceánico.

Ademais do coñecemento xeolóxico, a visita a mina Piquito tamén dá conta da dureza do traballo para os operarios que cavaron un complexo entramado de galerías e condutos de ventilación en distintos niveis sempre na procura da mena rica en cobre. Foi unha compañía mineira inglesa quen primeiro se interesou polo cobre de Moeche -e tamén polo de Cerdido- a finais do século XIX, aínda que a súa explotación con métodos industriais non comezaría ata os anos 40 do século pasado.

O tratamento do material facíase mediante procesos químicos que xeraban resíduos tóxicos que logo se depositaban en grandes balsas. A rotura dunha delas a principios dos 60 provocou un grande desastre ecolóxico no río Xubia. Mina Piquito II -tamén coñecida como Santa Marta- pechou en 1967 deixando un entramado labiríntico de galerías que hoxe “co paso do tempo e a auga”, como comenta Fran Canosa, ofrecen un espectáculo único.

A mina é un dos recursos máis destacados do Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal impulsado por Moeche e outros seis concellos da comarca con apoio da Deputación da Coruña. O proxecto persegue o selo distintivo outorgado pola Unesco para aqueles territorios que sexan capaces de combinar o coñecemento dunha xeoloxía singular co desenvolvemento socioeconómico e cultural, baseado principalmente no turismo.

Dentro das actuacións que apuntalan o proxecto, o Concello organizou durante este verán 8 rutas, 6 pola mina Piquito e 2 denominadas “do toelo”, nas que se visitan as canteiras desta rocha da familia das serpentinas, moi empregada no pasado como elemento construtivo en igrexas, cruceiros, vivendas -linteis de fiestras, hórreos, baños de salgar, píos, etc.- e incluso no propio castelo. A próxima xeoruta do toelo está programada para o mércores 15 de agosto, mentres que a seguinte por mina Piquito desenvolverase o sábado 18.

Para inscribirse ou obter máis información sobre as rutas programadas ata setembro pódese entrar no blog rutasxeoloxicasdegalicia.blogspot.com ou chamar ao Concello: 981 404 006.